O Concello de Zas organiza unha charla sobre roubos, timos e abusos
05-06-2019
Previr os roubos, os timos ou os abusos que poden sufrir as persoas maiores é o obxectivo das charlas informativas organizadas polo Concello de Zas, en colaboración coa Cruz Vermella e coa Garda Civil, e que impartirán mañá membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Haberá dúas sesións; a primeira terá lugar ás 10:00 horas no Centro Sociocultural de Zas e a segunda será ás 11:45 horas no Centro Sociocultural de Baio.
Nas sesións, que levan por título “Prevención de timos, roubos e abusos ás persoas maiores”, abordaranse unha serie de consellos dirixidos principalmente ás persoas maiores para previr determinadas situacións tales como roubos en domicilios, estafas ou timos como os do falso instalador de gas. A entrada é de balde e están abertas a toda a veciñanza.