A VI Carreira Pedestre de Zas bate marcas con máis de 900 inscritos
30-05-2019
A participación na Carreira Pedestre do Concello de Zas vai a máis. As cifras falan por sí soas unha vez pechado o prazo de inscrición. En total, 913 persoas formalizaron a súa inscrición sendo a proba dos 10k a máis numerosa. Na proba absoluta participarán 365 deportistas; 210 na 3k Contra o Cancro mentras que nas diferentes categorías inferiores participarán máis de 330 de corredores e corredoras.
O servizo de entrega de dorsais estará operativo a partir das 15:00 horas na praza do Concello. As probas comezan ás 16:50 horas e tanto a saída como a meta estará ubicada na praza do Concello de Zas. Os primeiros en saír serán os/as participantes das categorías benxamíns e alevíns. A continuación, ás 17:15 horas farano os participantes na absoluta 3K Contra o Cancro e uns minutos despois, ás 17:17 horas, sairán as categorías infantil, cadete e xuvenil. Ás 18:00 horas arrincarán os da 10K Sénior, M40 e M50. E xa por último, ás 19:20 horas sairán os pitufos.
Esta é unha proba que se enmarca no VI Circuíto Correndo pola Costa da Morte, na que participan outros dez concellos da zona. O de Zas está considerado como un dos circuítos “máis verdes” debido a que unha boa parte do percorrido adéntrase en zonas cargadas de vexetación e sen asfalto. O trazado discorre polas parroquias de Zas, Loroño Vilar e Lamas.
Climatoloxía
En canto á climatoloxía, as predicións indican que nos acompañarán os ceos despexados e unha temperatura alta para esta época do ano, con máximas que poden chegar até os 29º. E para que os corredores e corredoras leven mellor estas temperaturas haberá un punto de refresco (cunha cortina de auga) e varios puntos avituallamento intermedios e na meta. Ademais destas medidas, dende a organización agradecemos aos participantes que extremen todas as precaucións.