Remata a 2ª edición do programa de democratización do coñecemento na Costa da Morte da Universidade Sénior
24-05-2019
Os máis de 60 alumnos e alumnas que participaron na 2ª edición Programa Universitario para Maiores de 50 anos da Universidade Sénior da Coruña recollerán o vindeiro mércores, 29 de maio, os seus diplomas. O acto de clausura e entrega de diplomas aos 66 participantes contará coa presencia da Vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente, Nancy Vázquez Veiga; o Director Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, Ildefonso de la Campa Montenegro; o presidente do GDR “Costa da Morte” e Alcalde de Zas, Manuel Muiño Espasandín, e a Directora da Universidade Sénior, Matilde García Sánchez, e terá lugar no Salón de Actos da ETS de Nautica (Paseo de Ronda, 51), o mércores, 29 de maio, a partir das 10:30 horas.
O acto de clausura terá a seguinte axenda:
- 10:30 horas: Conferencia titulada “Os naufraxios na Costa da Morte” do Prof. Felipe Louzán, da ETS de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña.
- 11:30 horas: Pausa café
- 12:00 horas: Concerto “Conexións Vocais” a cargo de Ruppert Twine e Valentina Jelihovschi.
- 13:00 horas: Entrega de Diplomas e Clausura
En total foron doce sesión dividas en tres módulos impartidos entre os meses de marzo e maio polo profesorado da Universidade da Coruña e a través dos cales se trataron temas como a sustentabilidade social e económica, a sustentabilidade ambiental e a saúde e o benestar. As clases desenvolvéronse no auditorio de Baio.
Este foi o segundo ano que o programa desembarco una Costa da Morte e un ano máis o proxecto tivo moi boa acollida tanto pola veciñanza do Concello de Zas como doutros municipios limítrofes. Un dato polo cal o Alcalde de Zas, Manuel Muíño, manifestou a súa satisfacción. “É unha honra que a Universidade elixira unha vez máis o noso concello para descentralizar o seu programa de formación para maiores 50 anos e ver o interese da nosa veciñanza por participar en actividades deste tipo”, sinala Muíño.
A Universidade Sénior da Coruña – dirixida por Matilde García – organizou por segundo ano consecutivo este programa de formación en colaboración co GDR Costa da Morte e co apoio da Deputación Provincial da Coruña e da Xunta de Galicia.