A IV Mostra de Teatro Afeccionado despídese coa comedia “O Xogo de Versalles”
26-04-2019
Despois do parón da Semana Santa, mañá volve a IV Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose organizada polo Concello de Zas. E faino para despedirse, xa que a de mañá é a última representación das cinco finalistas da presente edición do certame.
O grupo Gargallada Teatro, de O Barco de Valdeorras, será o encargado de representar a obra “O xogo de Versalles”; unha comedia dirixida a maiores de 8 anos e ambientada na corte de Versalles. Dous artistas tratarán de triunfar e de conquistar ao mesmo tempo, mentras que a raíña loitará por manter o seu poder e posición fronte a amante do rei. Unha divertida drama chea de sorpresas. A función, que comeza ás 21:30 horas, terá lugar no Auditorio de Baio e, coma sempre, a entrada é de balde.
Esta non é a primeira vez que a compañía ourensá participa na mostra de teatro de Zas, se non que xa o fixo na 1ª edición e na que logrou o premio á mellor obra e ao mellor actor coa comedia “Fuga”.
Premios
Nesta cuarta edición, a mostra repartirá 3.500 euros en premios que se distribuirán en cinco premios de 900, 800, 700, 500 e 400 euros cada un que outorgará o xurado e outro premio de 200€ para a mellor obra valorada polo público. Ademais do premio en metálico, os gañadores recibirán un trofeo conmemorativo e un diploma acreditativo.
Para a entrega de premios haberá que agardar ata o 9 de xuño, día no que tamén terá lugar a clausura da XII Escola Municipal de Teatro Infantil nun acto que se celebrará no Auditorio de Baio a partir das 18:00 horas.