Os establecementos comerciais do Concello de Zas énchense de poemas para conmemorar o Día Internacional da Muller
08-03-2019
“Amarte has, muller, o teu doce corpo, que así cho pediron, que así cho confío” é un dos moitos poemas que se poden ler estes días nos distintos locais comerciais, establecementos hostaleiros e edificios públicos do noso municipio. Esta iniciativa, que xurdiu do alumnado no CPI de Zas e que se puxo en marcha coa colaboración do Concello de Zas, é unha das actividades principais para conmemorar o Día da Muller que se celebra todos os 8 de marzo (declarado pola ONU no ano 1975).
Os poemas están escritos polos nenos e nenas do CPI de Zas e para facelo toman como base o “Cantar hei, Galicia”, e outros da obra de Rosalía de Castro, e que versionaron facendo referencia á figura da muller. A estreita relación de Rosalía de Castro co feminismo así como a conmemoración do aniversario da nosa escritora máis universal, que tivo lugar o pasado 24 de febreiro, serviulles aos máis novos de inspiración. A iniciativa tivo unha moi boa acollida tanto entre os responsables dos diferentes establecementos comerciais así como da veciñanza.
Ademais desta actividade, o Concello de Zas, a través do Centro de Información á Muller, poñerá en marcha nos próximos días o proxecto “Axenda Escolar Contra as Violencias de Xénero” a través do cal se pretende implicar ao alumnado na resolución das desigualdades de xénero, de xeito que sexan os rapaces e rapazas os que asuman o protagonismo e actúen como axentes dinamizadores do cambio na sociedade.
Os destinatarios de esta actividade son os alumnos e alumnas dos cursos de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria do CPI de Zas e do CEIP Labarta Pose. Desenvolverase en catro sesións diferentes.
Folga
Por outra parte, o goberno municipal de Zas apoia a folga/paro internacional de mulleres convocado para mañá, 8 de marzo, e anima a todos os veciños e veciñas a participar nas diferentes concentracións que terán lugar en distintos puntos da comarca e en cidades próximas. Estas son algunhas das convocatorias:
- 12:00 horas: Cee (Praza 8 de Marzo)
- 20:00 horas: Carballo (Xulgados)
- 20:30 horas: Vimianzo (Praza do Concello)
- 19:30 horas: A Coruña (saída do Obelisco)
- 20:00 horas: Santiago de Compostela