O Xulgado de Corcubión arquiva a causa por prevaricación contra o Alcalde de Zas
02-03-2019
- A xuíza acorda o sobresemento e arquivo da denuncia feita pola vía penal por parte do portavoz do PP de Zas, José David Gómez Brandariz
- Tal e como indica a resolución, Manuel Muíño non se ocupou da contratación dos distintos servizos municipais investigados se non que foron herdados de mandatos anteriores
O Xulgado de Instrución Nº1 de Corcubión acordou o sobresemento e arquivo da denuncia contra o Alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, por un suposto delito de prevaricación administrativa. “Esgotado o prazo máximo de instrución, de 18 meses, de conformidade co disposto no artigo 324.6 da Lei de Axuizamento Criminal, as dilixencias de investigación practicadas non son suficientes para acordar a resolución prevista no artigo 779.1.4º Lei de Axuizamento Criminal, no senso de que non resultan indicios obxectivos suficientes da comisión do delito obxecto de investigación”, sinala a xuíza – Carmen Pose Amado – no auto.
Foi o portavoz do Partido Popular de Zas - José David Gómez Brandariz - quen interpuxo a denuncia en xuño do 2017 polos contratos de distintos servizos municipais. Na resolución a xuíza aclara que “o investigado non se ocupou da contratación dos servizos obxecto de investigación, en canto herdados de mandatos anteriores, e, sen que se aprecien indicios de concerto coas persoas ou empresas que os prestaban”. Tal e como xustificou Manuel Muíño, os contratos fóronse prorrogando no tempo atendendo á necesidade de seguir prestando estes servizos básicos á veciñanza. Ademais de levantarse polo Pleno do Concello os informes de reparo, no 2016 inciaronse os procedementos de contratación para a adxudicación dos servizos por procedemento aberto.
O propio alcalde manifesta a súa satisfacción pola resolución e critica a clara intención política que tiña a denuncia interposta polo portavoz do PP de Zas. “Dende que entrou na corporación, este foi o traballo do portavoz do PP, mentiras, medias verdades e denuncias falsas para entorpecer e ralentizar o traballo do goberno municipal, prexudicando ao final aos veciños”, sinala Muíño. Así, recorda outras denuncias feitas polo portavoz popular de Zas tales como o caso da piscina municipal de Zas coa que “o único que conseguiu foi crear alarma social e coa que se demostrou que o goberno do BNG de Zas cumpre a lei”, indica Muíño. “Nesta lexislatura, é habitual que o grupo Popular non vote a favor de actuacións importantes para o noso municipio, tales como a construción do tanatorio municipal ou a renovación do céspede do Campo Municipal San Andrés de Zas porque ten que consultalo cos seus asesores, supoñemos que para ver si despois podía denunciar esas obras para retrasalas”, indica o rexedor.
“É paradóxico que sexa precisamente o PP quen faga este tipo de denuncias cando é o partido que lidera os casos de corrupción a todos os niveis: concellos, deputacións, gobernos autonómicos e estatais,…”, destaca Manuel Muíño quen ademais critica as intencións de Brandariz en entorpecer o funcionamento diario do concello e en incrementar o gasto municipal coas súas denuncias. “Hai moitas formas de facer política e de facer oposición, no noso concello é a primeira vez que se fai este tipo de oposición mezquina e rastreira, o señor Gómez Brandariz solo persegue acadar nos tribunais o que os veciños lle negan nas eleccións, pero que se pode esperar de alguén que xa recoñeceu nun pleno que obedecía ao partido e non á súa conciencia”, sentencia o Alcalde de Zas.
Dende o goberno municipal agardamos que o portavoz do PP se faga cargo da factura do xuízo e do avogado do concello, xa que logo a xustiza di que o Alcalde actuou de acordo á lei.