O Semescom presenta en Baio o libro "O Río do Porto, o río grande da Terra de Soneira"
02-03-2019
O río do Sixto, o río de Baio, o río do Mosquetín, o río de Torelo... son moitos os nomes cos que a veciñanza se refire a un dos ríos máis importantes da Terra de Soneira e que nace por detrás do Pico de Meda. Así o demostraron onte os autores de “O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira” durante a presentación do libro que tivo lugar onte pola mañá no Auditorio de Baio. A obra está editada polo Seminario de Estudos da Costa da Morte - Semescom - e co-patrocinada polos concellos de Zas, Vimianzo e Camariñas.
Coa pretensión de “restituir de forma paulatina o seu nome” – tal e como o indicou Xosé Mª Lema na presentación - naceu esta obra colectiva na cal traballaron arreo durante ano e medio os soneiráns: Evaristo Domínguez, Xan Fernández, Moncho Gándara e Xosé Mª Lema. Unha das maiores peculiaridades deste río é o seu nome que, dende séculos atrás, foi incerto. E así o demostran moitos dos documentos que se recollen nel.
Trátase dunha obra na que se recompilan datos de importancia como a presenza do río na literatura, a evolución do seu nome a través da historia así como a descripción dos seus cursos alto, medio e baixo. As máis de 150 fotografías e os distintos gráficos, mapas e cadros que o acompañan fan que éste sexa un exemplar de elevada importancia tanto a nivel informativo, documental e incluso turístico.
Ademais dun nutrido grupo de veciños e veciñas, no acto de presentación do libro tamén estivo o Alcalde de Zas – Manuel Muíño Espasandín – quen destacou a importancia deste libro e incluso recordou algunhas anécdotas persoais que garda con relación ao río.
“O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira” está á venda nas diferentes librerías do Concello de Zas e da comarca.