O CPI e o Concello de Zas levan a Rosalía de Castro aos establecementos comerciais

22-02-2019

A relación de Rosalía de Castro co feminismo é estensa. Froito desta relación naceu unha iniciativa por parte do CPI de Zas e que, grazas á colaboración do Concello de Zas, sairá do centro educativo para estendenderase aos diferentes establecementos comerciais do noso municipio. Así, ao longo dos próximos días bares, restaurantes, tendas de roupa, ferreterías,… encheranse de poemas cos que se pretende conmemorar dun xeito orixinal e participativo o Día de Rosalía e o Día da Muller.

Os poemas están escritos polos nenos e nenas do CPI de Zas e para facelo toman como base o “Cantar hei, Galicia” e outros da obra de Rosalía de Castro e que versionaron facendo referencia á figura da muller.  Con esta iniciativa preténdese, por un lado celebrar o Día de Rosalía  - que se celebra este domingo 24 de febreiro coincidindo coa data do seu nacemento – e, por outra, darlle visibilidade á muller e conmemorar así o Día da Muller que se celebra mundialmente o próximo 8 de marzo.

Cada un dos poemas estará ilustrado dun debuxo e antes de que se distribúan polos distintos establecementos comerciais do noso municipio estarán expostos nun mural  no propio centro educativo.

Compartir: