Aberta unha liña de axudas para as melloras das infraestructuras dos establecementos turísticos
30-01-2019
Co obxectivo de potencias a oferta turística, a Axencia de Turismo de Galicia vén de publicar recentemente as bases reguladoras para a concesión, en réxime de confluencia competitiva, as axudas para actuacións de mellora das infraestructuras dos establecementos turísticos de aloxamento en Galicia. Con esta medida, o goberno galego pretende modernizar e profesionalizar o sector e as súas infraestructuras e, polo tanto, mellorar a calidade e a competitividade da oferta turística.
Consideraranse actuacións subvencionables todos aqueles que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2019 e, en concreto, poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta resolución, os seguintes investimentos:
- Actuacións destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.
- Obras destinadas á mellora das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial o Q de calidade turística.
- Actuacións destinadas á mellora da clasificación do establecemento que supoñan un incremento de categoría.
- Actuacións de mellora da climatización que favorezan a sustentabilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético.
- Actuacións relativas á renovación e modernización das instalacións así como embelecemento do contorno.
- Renovación dos equipamentos mobles necesarios para o funcionamento do establecemento de aloxamento.
O investimento neto admitido será de ata 100.000 €. No caso de que o orzamento de execución do proxecto presentado coa solicitude de subvención sexa superior ao dito límite, requerirase o solicitante para que reformule o proxecto ata o citado límite. Enténdese por investimento neto o importe orzamentado unha vez deducido o imposto sobre o valor engadido.
Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento que reúnan os requisitos establecidos nas bases e que teñan autorizado ou clasificado conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o cal se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia. O prazo de solicitude remata o 28 de febreiro.
Os/as interesados/as poden obter máis información na Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello de Zas (Número de teléfono: 981 708 303).