Aberto o prazo de solicitude das axudas para a promoción e consolidación do emprego autónomo

30-01-2019

 

A Xunta de Galicia apoiará este ano con máis de 14 millóns de euros o inicio de actividade e a consolidación do emprego de 4400 autónomos. Trátase dunha liña de axudas que se veñen de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG). As contías increméntanse nun 25% para as mulleres, emigrantes retornados, maiores de 45 anos, persoas trans e cando o centro de traballo estea emprazado no rural.

O programa de axudas, cuxo prazo de solicitude remata o próximo 30 de setembro, inclúe dúas iniciativas: incentivos para apoiar o inicio de actividade de 3800 autónomos cun investimento de máis de 10 millóns de euros; e axudas para que os autónomos contraten a 240 traballadores indefinidos en 120 empresas, cun orzamento de 1,35 millóns.

No primeiro caso, apoiarase o emprego dos autónomos con 2000 euros, unha contía que se pode duplicar ata os 4000 euros para os menores de 30 anos, os parados de longa duración e as persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social. O obxectivo desta actuación é facilitar e axilizar a posta en marcha de novas iniciativas empresariais. Fináncianse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional que, cumprindo os requisitos da orde de axudas, se formalicen desde o 1 de outubro de 2018 ata o 30 de setembro de 2019, ambos inclusive. En 2019, ao igual que neste exercicio, non se esixirá un investimento inicial para recibir esta axuda.

Para as axudas para impulsar a contratación indefinida, a Consellería de Economía, Emprego e Industria financia con 3000 euros a contratación do primeiro traballador cando se trate dunha persoa desempregada, que aumentará ata os 5000 euros para os parados de longa duración e persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social. Para as contratacións do segundo e terceiro traballador, o autónomo recibirá unha contía de 5000 euros se a persoa é desempregada, que se incrementará ata os 7000 euros para os parados de longa duración e persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social. 


Este programa para autónomos conta, deste xeito, con axudas que oscilan entre os 2000 e os 15.750 euros tendo en conta o incremento do 25% para os colectivos prioritarios para o Goberno galego.

Máis información

As persoas interesadas en solicitar estas axudas, poden informarse na Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello de Zas a través do número de teléfono 981 708 303.

Ligazóns

Compartir: