O Concello de Zas repasa a historia do municipio entre os anos 1900 e 1931 cunha nova entrega de “Zas polo miúdo”
10-01-2019
Baseada nas actas municipais, xa se pode consultar na web oficial do Concello de Zas a segunda parte da historia do municipio que comprende entre os anos 1900 e 1931. Ao igual que nas anteriores ocasións, Evaristo Domínguez Rial e Xosé María Lema encargáronse de recompilar a información e agrupala baixo o programa “Zas polo miúdo”.
A segunda entrega da Historia de Zas está formada por feitos importantes, curiosidades e anécdotas que se recolleron nas distintas actas municipais que ainda se conservan. Preitos, a creación dunha comisión para determinar os camiños máis necesitados de arranxos, a chegada dos primeiros automóbiles e camións, o estudo do ferrocarril entre A Coruña-Carballo-Corcubión ou tamén chamado “Ferrocarril dos Tres Ces” reclamado por empresarios e personalidades de toda a Costa da Morte, a entrada de abonos químicos e da maquinaria agrícola, un incendio que arrasou unha boa parte do lugar de Pazos (na parroquia de Vilar), unha grave epidemia de gripe que provocou 215 mortes, a inestabilidade que trouxo a ditadura de Primo de Rivera con cinco alcaldes diferentes en sete anos, o 1º derbi futbolístico entre o Zas F.C. e o Soneira C.F. de Baio ou a morte de Enrique Labarta Pose son algúns dos fitos que se repasan nesta nova entrega que se pode consultar a través do seguinte enlace: http://bit.ly/HistoriaZas2Parte.
No apartado de “Zas polo miúdo” da páxina web do Concello de Zas atópase toda a información que se creou ao longo dos meses pasados dividida por cada unha das 16 parroquias do municipio. Desta forma, o Concello de Zas, a través da Concellería de Cultura, pretende divulgar a historia e outros datos de interese (demografía, toponimia,…) do municipio e poñelos así ao alcance da veciñanza.