XORNADAS SOBRE A HISTORIA DE GALICIA NO CONCELLO DE ZAS
30-03-2010
As actividades estarán conformadas por unha exposición de Edicións A Nosa Terra sobre a historia de Galicia e un ciclo de conferencias.
A exposición, obra do ilustrador Pepe Carreiro (Os Bolechas), estará dende o día 5 até o día 16 de abril no Anexo ao Polideportivo de Baio. Está prevista a visita do alumnado dos centros de ensino do Concello que será agasallado cunha publicación da Editorial A Nosa Terra sobre o tema. Para concertar unha visita guiada a esta exposición poden poñerse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello a través do teléfono 981 708 303.
O día 9 de abril ás 8 da tarde no Anexo ao Polideportivo de Baio o técnico en xestión cultural e museólogo da Deputación da Coruña, Felipe Senén, desenvolverá a conferencia O patrimonio cultural galego, o estado da cuestión.
As xornadas tamén inclúen un ciclo de conferencias nos centros de ensino que comezarán o día 6 de abril no CIP de Zas coa conferencia A historia do Concello de Zas a través dos seus nomes a cargo de Pepe B. Alborés, técnico de normalización lingüística do Concello de Zas.
O día 12 de abril, no IES Maximino Romero Lema, terá lugar a seguinte actividade, unha conferencia do historiador Bieito Alonso titulada A nosa historia.
A última das conferencias nos centros de ensino terá lugar o día 14 de abril no CEIP Labarta Pose de Baio. Correrá a cargo do xeógrafo e historiador Evaristo Domínguez Rial e levará por título Aproximación histórica ao Concello de Zas.