O Concello de Zas aproba o plan provincial POS+ para o 2019 por case 500.000 euros

19-12-2018

 

O Goberno Municipal de Zas aprobou durante o pleno extraordinario celebrado esta mañá as inversións do Plan Único (POS+ 2019) cun importe total de 495892,40 euros. Manuel Muíño, Alcalde de Zas, destacou unha vez rematado o último pleno do ano que “este plan da Deputación da Coruña permítenos cubrir con criterios obxectivos as necesidades reais do noso Concello”.

O POS+ da Deputación divídese en diferentes proxectos sendo a conservación da rede viaria municipal un dos máis importante do plan. Desta forma, o equipo de Goberno deseñou unha proposta con varias actuacións en canto á conservación viaria se refire por un total de 174315,17 euros. Entre as actuacións que figuran neste apartado do plan están a mellora da calzada nas parroquias de O Allo, San Cremenzo, Gándara, Mira, Zas, Loroño, Roma, Meanos e Brandoñas (106446,11euros); así como a mellora das estradas de Gomarís-Artón e Andregalla-Penedo (67869,06 euros). Os 321577,23 euros restantes destinaranse a gasto corrente entre os cales figuran o alumeado público e dos edificios municipais, o mantemento e limpeza de edificios públicos (centros educativos e de saúde, instalacións deportivas e culturais, dependencias municipais,…), conservación das estradas e dos parques infantís, etc.

Paralelamente, dentro do Plan Complementario do 2019 inclúense outros dous proxectos por un importe de 190125,57 euros. Entre os investimentos a realizar figuran a mellora dos aglomerados nas parroquias de Zas, Baio e San Adrián de Castro (98698,67 euros) e as melloras da calzada nas parroquias de Brandomil, Muíño e Meanos (91426,90 euros).

Compartir: