O teatro e a música abren o programa de Nadal para o público adulto
14-12-2018
O programa de Nadal organizado polo Concello de Zas arranca de cheo esta fin de semana con dúas propostas ben diferentes dirixidas principalmente ao público adulto. A primeira delas virá da man da compañía Contraproducións coa obra de teatro “Fillos do Sol” na que se misturan momentos de reflexión, de diversión e comicidade, de emoción, de reivindicación, de tenrura, de controversia,... Cándido Pazó é o director desta obra de teatro que xira ao redor da figura de Eduardo Pondal e da súa obsesión coa obra que ocupou unha boa parte da súa vida como escritor: Os Eoas. A representación terá lugar ás 21:00 horas no Auditorio Municipal de Zas e a entrada é de balde.
E xa o domingo, ás 18:00 horas, as Torres do Allo acollerán a segunda das propostas desta fin de semana co concerto “Cantos de Nadal” interpretado polo cantautor Emilio Rúa e a cantante Rosa Cedrón. “Cantos de Nadal” é un espectáculo musical con cancións de melodías sinxelas pero que teñen un carácter moi marcado en canto a composición. Algúns destes traballos que soarán no pazo máis antigo de Galicia son “Vida miña”, que figura entre unha das dez mellores cancións en galego de todos os tempos ademais doutras pezas populares de dominio público coa música e coa adaptación de Emilio Rúa. Ao igual que o resto das actividades de Nadal, a entrada é de balde e o aforo está limitado.
Centros educativos
Estas dúas propostas ábrennos as portas dunha intensa semana na que o Concello de Zas leva o programa de Nadal aos tres centros educativos do municipio co fin de que todos os nenos e nenas do Concello gozen da maxia do Nadal con propostas adaptadas a cada ciclo escolar. A compañía Isla Letrista representará este luns, 17 de decembro, ás 10:00 horas no CPI de Zas a función teatral “Inmóbile”. E un pouco máis tarde, ás 12:30 horas, estará no Auditorio de Baio para o alumnado do CEIP Labarta Pose.
As actividades continúan o mércores e o xoves da man de Malasombra Teatro que traerá o seu espectáculo “Os Fabulosos Cleaners” ao Auditorio do Concello (o día 19 ás 11:30 horas) e ao Auditorio de Baio (o día 20 ás 12:30 horas). E xa o venres ás 10:45 horas será o turno do alumnado do IES Maximino Romero de Lema que terá oportunidade de ver un dos últimos filmes rodados na Costa da Morte: Sicixia.