O Concello de Zas solicitará a declaración da Festa da Carballeira como Festa de Interese Turístico de Galicia
23-10-2018
A Corporación de Zas acordou no Pleno Ordinario celebrado esta mañá solicitar á Xunta de Galicia a declaración da Festa Carballeira de Zas como Festa de Interese Turístico de Galicia. Esta é unha festa na que, tal e como sinalou o Alcalde de Zas – Manuel Muíño Espasandín -, se mantén a tradición e que é unha das poucas que hai deste estilo en Galicia.
Ésta non é a primeira vez que se fai a solicitude polo que “desta vez agardamos que consigamos que a Festa da Carballeira de Zas sexa declarada como Festa de Interese Turístico de Galicia”, sinalou Manuel Muíño.
A Festa da Carballeira celébrase dende fai 35 anos na Carballeira de Velar de Zas. Dende os seus inicios, son moitas as persoas as que asisten a este festival polo que pasaron unha boa parte dos referentes da música folk do panorama nacional e internacional. Nos últimos anos o festival celébrase durante dous días e está acompañado dun completo programa paralelo e dunha Semana Cultural con actividades para todos os públicos ao longo de toda a semana previa á Festa da Carballeira.