O Concello de Zas mellora os accesos viarios a seis núcleos de poboación
04-10-2018
Nos últimos meses executáronse distintas obras de mellora nos viais de acceso a seis núcleos de poboación do termo municipal de Zas. Os traballos, que se enmarcan dentro do Plan de Mellora dos Camiños Municipais, impulsado polo Concello de Zas, supuxeron un investimento de 45.425,36€ procedentes dos fondos Agader.
As actuacións leváronse a cabo nos camiños de acceso aos núcleos de Fornelos, Baio (zona do campo de fútbol), Vilar de Gándara, Pedramaior, Baizana e Langueirón. Todas elas son vías que soportan unha alta taxa de tráfico rodado.
As obras consistiron na limpeza e apertura de cunetas e pavimentación con rego asfáltico. “En total suman case seis quilómetros nos que se melloraron notablemente as condicións de circulación”, sinala Manuel Muíño, Alcalde de Zas.