O mural “Baio Total Experience” encherá de cor a rúa Bispo Romero Lema
28-09-2018
Ao longo dos próximos días, un novo mural collerá forma e cor nunha das principais rúas de Baio. Joseba Muruzábal iniciou os traballos da nova obra que se sitúa nunha das fachadas do edificio situado ao carón dunha das paradas de autobús, na rúa Bispo Romero Lema. Adaptándose ao formato da parede, o mural recreará a Festa da Carballeira de Baio no que o verde dos carballos terán unha presenza especial.
“Baio Total Experience” é o nome da obra que se enmarca dentro dun proxecto posto en marcha polo Concello de Zas, a través da Concellería de Cultura, e co que se pretende conxugar a tradición e a modernidade a través da arte urbana.
Regreso á foliada II
Joseba Muruzábal é tamén o autor de “Regreso á foliada II” que dende o pasado mes de xuño enche de vida unha das fachadas do IES de Baio. Este é un mural en homenaxe á muller rural galega e no que Lelucha e María, dúas das pandereteiras de Muíño, adquiriron poderes de heroínas.