O Concello de Zas inviste máis de 70.000 euros na mellora da rede viaria das parroquias de Baio e Meanos
12-09-2018
Co fin de mellorar a accesibilidade e a estética da rede viaria municipal, o Concello de Zas vén de renovar o firme con aglomerado en varias vías do termo municipal con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña POS+ 2017 e que en total supoñen un investimento de 70.890,16 euros.
Os traballos desenvolvéronse nos últimos meses nas parroquias de Meanos e de Baio. Concretamente as melloras realizáronse nos núcelos de Langueirón (en Meanos) e de A Braña (en Baio) onde as obras consistiron na limpeza e apertura das cunetas, no fresado das zonas onde foi necesario e na posterior renovación do firme cunha capa de aglomerado asfáltico en quente de cinco centímetros de groso que en total supoñen cerca de 7.600 metros cadrados.
En ambos casos son obras demandadas pola veciñanza e que entran dentro do plan de mantemento e conservación de vías e espazos públicos posto en marcha polo Concello de Zas. Ao longo deste ano, realizaranse máis melloras noutros viais municipais.