Remata con récord de participantes o programa “Zas no verán!”
01-09-2018
As vacacións do verán chegan ao seu fin e tamén o fixo o programa de conciliación laboral e familiar “Zas no verán!” impulsado polo Concello de Zas, a través da Concellería de Cultura. Durante os meses de xullo e agosto, case 400 persoas - na súa maioría nenos e nenas de entre 4 e 12 anos de idade – desfrutraron das distintas actividades contempladas nesta intensa programación.
Foron dous meses nos que non faltaron as actividades deportivas, culturais, ambientais e tamén de entretemento e convivencia. Ainda que a maioría das propostas estaban dirixidas aos máis novos, o programa de verán incluíu actividades para realizar en familia tales como o exitoso Día da Bici, no que participaron máis de 75 veciños e veciñas de diferentes idades. Dentro da programación estival unha das actividades que nunca falla en canto ao número de participantes é a excursión ao Aquapark. Así, o pasado 14 de agosto uns 65 nenos e nenas de 8 a 16 anos viaxaron ata o parque acuático de Cerceda acompañados dun día cunhas temperaturas espectaculares.
Outra das actividades que van en aumento en canto á participación e que este ano organizamos por terceira vez consecutiva son Os Venres a Pé. Foron tres andainas por distintos puntos de interese do noso concello. Estivemos nas carballeiras, subimos ata o Pico de Meda e tamén visitamos algúns dos dolméns que se ubican no noso municipio. Unha actividade aberta tanto a nenos e nenas como a adultos que pasaron unhas mañás diferentes coñecendo o noso patrimonio.
Este ano tamén houbo actividades novas, tales como Un día nas Torres, e outras que xa son todo un clásico como o campemento de Naturmaz ou a excursión ao Parque de Arte Ruprestre de Campolameiro, en Pontevedra. Pero sen dúbida, a actividade estrela do programa de verán son os Campamentos Urbanos e Deportivos que se celebran en cinco turnos diferentes repartidos entre os Centros Socioculturais de Zas e de Baio. A dinámica deste tipo de campamentos resulta moi atractiva para os máis novos e case sen darse de conta aprenden mentras desfrutan. Cada unha das xornadas é diferente nas que hai xogos novos e dinámicas nas que se fomentan valores tan importantes como o traballo en equipo, o compañeirismo,… entre outros moitos.
Novas propostas
O Concello de Zas, a través da Concellería de Cultura encabezada por Manuel García Velo, xa traballa en novas propostas que lles permitan ás familias do noso municipio axudar a conciliar a súa vida laboral e familiar en horarios non lectivos e que ademais fomenten a socialización dos máis novos e axuden a poñer en valor os nosos recursos. Ademais destas actividades extraescolares, ao longo de todo o curso académico o Concello de Zas organiza nos tres centros educativos do municipio distintas actividades adaptadas a cada ciclo educativo.
“Ainda que a programación é máis intensa en períodos non lectivos, como os meses de verán ou as vacacións de nadal, entroido e Semana Santa, seguimos traballando para ofrecer unha programación continua con actividades que non perdan de vista a nosa cultura nin as nosas tradicións pero fusionadas sempre coa diversión”, sinala Manuel García Velo, Concelleiro de Cultura.