“Zas polo miúdo” repasa os aspectos xerais da parroquia de Baio

17-08-2018

 

Este mes chega á paxina web do Concello de Zas unha nova entrega de “Zas polo Miúdo”. Nesta ocasión Evaristo Domínguez Rial e Xosé María Lema percorren a parroquia de Baio con esta iniciativa posta en marcha polo Concello de Zas, a través da Concellería de Cultura, coa que os usuarios dispoñen na rede información ampliada e detallada sobre todas e cada unha das parroquias que compoñen o municipio de Zas.

A información sobre a parroquia de Baio está dividida en dúas partes. Na primeira repasamos os aspectos xerais, tales como a xeografía, xeoloxía, demografía, textos, referencias históricas e outros feitos de interese ou curiosidades. Esta información xa pode consultarse na web municipal. Nunha segunda parte da información sobre a parroquia de Baio, que se subirá á rede o próximo mes de setembro, abordaranse as manifestacións artísticas presentes nas dúas igrexas da parroquia, persoeiros baieses, festas e inventarios de bens do patrimonio artísticos e arqueolóxicos.

Baio está situado no extremo NO do Concello de Zas sendo Fornelos o punto que se sitúa máis ó oeste de todo o concello e o segundo dos que están máis ó norte. A parroquia de Baio linda con outras parroquias de tres concellos: Borneiro (Cabana de Bergantiños), Sarces e Nande (Laxe), Salto e Bamiro (Vimianzo) e coas de Lamas e O Allo, dentro do propio concello de Zas. A súa extensión é duns 8,8 quilómetros cadrados e a 1 de xaneiro de 2017 contaba cunha poboación de 1.192 habitantes. A parroquia está composta polos lugares de Agreanas/A Braña, Baio, Baio Pequeno, A Cacharosa e Fornelos; ultimamente tamén se fala dos núcleos menores de Campo do Rollo, O Chamberín e Su a Agra.

A orixe etimolóxica do propio nome da parroquia, Baio, é bastante discutida, e barállanse varias propostas: nome dun posesor romano (Badius) ou lugar de paso dun río (vadu), ó que se lle engadiría un “i” epentético. Durante moitos anos houbo alternancia entre o uso do “b” e do “v” ou do “i” e o “y”. Os outros nomes de lugar parecen ter unha orixe moito más clara. O documento máis antigo do que hai constancia que apareza o nome de Bayo data de 1452.

Neste primeira parte relativa á parroquia de Baio tamén se fala do progreso desta parroquia grazas a distintos aspectos, tales como a mellora das comunicacións (coa construción da ponte de Baio e a da Cacharoza) e a potenciación da feira da Piroga. Na documentación aparecen outros feitos curiosos como a existencia dun campamento militar a carón da ponte Lodoso entre os anos 1943 e 1944, unha folga xeral en toda a parroquia e unha das manifestacións máis grandes a nivel comarcal para reclamar a construción da estación da ITV. Toda esta información pode consultarse de forma detallada a través do seguinte enlace: http://www.concellodezas.org/media/documentos/BAIO_I_PARTE.pdf

 

Ligazóns

Compartir: