Este domingo celebramos unha nova edición do Día de Bici cun percorrido polo noso municipio
08-08-2018
Xa está aquí unha das citas clásicas do verán para toda a familia. Así que ide preparando as bicicletas porque o próximo domingo, 12 de agosto, celebraremos o Día da Bici realizando un tranquilo e fermoso paseo polo noso municipio. Esta é unha actividade organizada polo Concello de Zas e que se enmarca no programa de conciliación laboral e familiar “Zas no Verán!”.
A ruta, apta para maiores de 6 anos, será duns 18 quilómetros de distancia que se realizarán durante a mañá do domingo. O punto de saída será a Casa do Concello ás 10:00 horas e logo de percorrer varios puntos do noso municipio o paseo concluirá cunha merenda a base de bocadillo, froita e auga para todos os participantes e cun sorteo de agasallos. Durante o paseo na bici, pasaremos por Baio aproveitando o "Punto Rojo"; a campaña de promoción do comercio local que se desenvolve na vila durante a fin de semana.
Para participar no Día da Bici é necesario anotarse previamente chamando ao número de teléfono 981 751 398 ou 981 718 056. A inscrición é de balde e é obrigatorio o uso do casco.
Ademais desta, están programadas outras citas como os Venres a Pé, unha excursión ao Aquapark de Cerceda e campamentos urbanos e deportivos para os máis novos. Ademais de promover hábitos de vida saudables e de fomentar as actividades en familia, estas actividades poñen en valor a riqueza natural e o patrimonio do noso municipio.