Zas acolle un curso de formación para mulleres que busquen emprego
21-06-2018
O Concello de Zas colabora nun dos proxectos da Fundación Mujeres que ten como obxectivo dar visibilidade ás mulleres emprendedoras así como atender as súas necesitades específicas de asesoramento e formación empresarial.
Dentro deste proxecto, os próximos 9, 12, 18, 19, 20, 23, 24, 27, 30, 31 de xullo terá lugar no Centro Sociocultural de Baio un programa de formación que leva por título "Emprego e emprendemento en Igualdade: habilidades no emprego, competencias dixitais e ideas de negocio".
Este é un curso dirixido principalmente a mulleres que buscan emprego con algún coñecemento en informática. Esta formación axudaralles a concretar mellor o seu obxectivo laboral, desenvolver as habilidades e competencias para o emprego e mellorar a procura de emprego utilizando as técnicas máis axeitadas e os recursos que ofrece Internet.
Para asistir é necesario anotarse previamente que se pode facer a través do número de teléfono 981 70 83 03 ou na oficina técnica local de Emprego e no Centro de Información á Muller.
Fundación Mujeres
A Fundación Mujeres traballa dende o 2006 no emprendemento feminino co proxecto Actívate Creando Empresas. E desde 2016 traballa as necesidades específicas das mulleres migrantes con Activa tu Emprendimiento, proxecto que inclúe diferentes obradoiros que son de moito interese para adquirir competencias transversais imprescindibles á hora de emprender.
Conta cun convenio de financiamento sen aval con Microbank, de CaixaBank, que pode chegar a 25.000€.
Actividades:
- Curso de Creación de Empresa: é unha ferramenta moi potente para que as mulleres realicen o seu proxecto empresarial vendo, ao mesmo tempo, a outras mulleres traballando igualmente nos seus proxectos. Realízanse dúas edicións anuais, unha de marzo a xuño e outra de setembro a decembro.
- DANA. Emprego e Emprendemento en Igualdade. Contempla as necesidades de busca de emprego por conta allea. Trazase un itinerario personalizado: Partimos do asesoramento individualizado e recomendamos unhas accións ou outras en función de cada muller. O noso traballo céntrase en traballar as habilidades e as competencias dixitais necesarias para optar aos postos de traballo que poden ser de interese das usuarias.
- Digitalizadas: é un proxecto para levar o uso das novas tecnoloxías ás mulleres rurais, para promover a súa alfabetización dixital. Este programa considera rural os núcleos de poboación inferiores a 100.000 habitantes.
Estes son exemplos de títulos formativos que podemos impartir coa súa colaboración:
- Emprego e emprendemento en igualdade.
- Motivación ao emprendemento.
- Análise de perfil emprendedor.
- Previabilidade de negocio: modelo CANVAS.
No caso de que algunha muller quixera continuar no proceso de formación e asesoramento, facendo o seu plan de empresa, no marco dunha das edicións do curso de "Creación de Empresa" poderiase estudar cada caso para manter esa continuidade formativa e de asesoramento.
Toda a formación e asesoramento que ofrece a Fundación Mujeres son gratuitos.