Chega unha nova edición da Festa da Carballeira de Baio cargada de música
12-06-2018
A música, as merendas, os encontros interxeracionais e o bo ambiente volven á Carballeira de Baio o próximo domingo 24 de xuño. Como vén sendo habitual nestes últimos 38 anos, o último domingo de xuño é o día elixido para esta festa tan agardada polos veciños e veciñas de Baio que se celebra nos terreos adquiros hai pouco máis dun ano polo Concello de Zas.
A festa comeza cunha sesión vermú que amenizarán os grupos de música tradicional da Asociación Cultural Adro e o dúo Noelia e Kiko. Xa pola tarde, volve a música cunha foliada aberta e na que actuarán novamente os grupos da Asociación Cultural Adro xunto cos Campantes da Baña. E xa a partir das 20:30 horas actuarán o dúo Noelia e Kilo e o dúo Charada.
Ao igual que na edición anterior, a organización da Festa da Carballeira de Baio corre a cargo do Concello de Zas coa colaboración da Asociación Cultural Adro e da Asociación Cultural Festas de Baio.
Co fin de preservar a carballeira e o seu contorno e para que todos e todas os asistentes desfruten da festa, non está permitido facer lume no chan, instalar carpas pechadas nin equipos musicais.