A Carreira Pedestre de Zas celebra o seu 5º aniversario cun alto nivel de participación
01-06-2018
O deporte volve a demostrar o seu gran poder de convocatoria así que en Zas xa nos estamos preparando para recibir este sábado a case 800 deportistas que participarán na V Carreira Pedestre de Zas; unha proba deportiva que se enmarca no V Circuíto Correndo pola Costa da Morte.
Un vez pechado o prazo, rexistráronse un total de 797 inscritos. As probas comezan ás 17:00 horas e tanto a saída como a meta estará ubicada na praza do Concello de Zas. Os primeiros en saír serán os/as participantes das categorías benxamíns e alevíns. A continuación, ás 17:30 horas, farano os das categorías infantil, cadete, xuvenil e os da 3k Contra o Cancro. Ás 18:10 horas arrincarán os da 10K Sénior, M40 e M50 e Adaptada. E xa por último, ás 19:30 horas sairán os pitufos.
O de Zas está considerado como un dos circuitos “máis verdes” debido a que unha boa parte do percorrido adéntrase en zonas cargadas de vexetación e sen asfalto. O trazado discorre polas parroquias de Zas, Castro e Loroño para bordear o monte do Castro. A climatoloxía, segundo o estiman as previsións, será a propicia xa que durante a tarde do sábado agárdanse temperaturas agradables sen risco de choiva nin de vento.