Máis de 100 participantes no Programa de Actividades do Concello de Zas rematan o curso cunha excursión
31-05-2018
Un total de 108 participantes no Programa de Actividades organizado polo Concello de Zas puxéronlle onte fin ao curso 2017/2018 participando nunha viaxe lúdica e cultural polo sur de Galicia. Acompañados do Alcalde de Zas, Manuel Muíño, visitaron localidades como Combarro, Sanxenxo e a Toxa onde pasaron unha boa parte do día.
O Programa de Actividades posto en marcha polo Concello de Zas a través da Concellería de Servizos Sociais, desenvolveuse entre os meses de outubro e maio. Ximnasia, ximnasia terapéutica, pilates, manualidades, cociña, bordado, calceta, bailes de salón, guitarra e a escola de memoria son algunhas das máis de 20 actividades que se ofertaron neste curso. Todas teñen unha gran acollida entre a veciñanza.
Unha vez entregados os diplomas de participación e realizada a excursión de fin de curso, toca expoñer os traballos realizados. E iso, como sempre, será durante a Semana Cultural que se organiza ao redor da Festa da Carballeira de Zas.