Ampliado o prazo para participar nos Premios Fouciño
29-05-2018
O Concello de Zas, organizador da III Edición dos Premios Fouciño, vén de ampliar ata o 8 de xuño o prazo de presentación da curtametraxes que se presenten ao concurso.
A participación divídese en dúas categorías; unha para centros de ensino e outra aberta para o público en xeral. En calquera dos dous casos a temática é libre e as pezas deberán ter unha duración máxima de cinco minutos e ser en galego ou posuír os subtítulos en galego. Entre todas as pezas presentadas na categoría libre seleccionaranse dez curtametraxes finalistas e outras tres de reserva. No caso da categoría para centros de ensino, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos, pasarán á final todas as curtas presentadas.
Repartiranse 1.000 euros en premios; dos cales, 300€ son para a categoría dos centros de ensino e 700€ para a categoría aberta. Ademais, os gañadores recibirán un trofeo. O público tamén poderá emitir a súa valoración das curtas participantes no certame e o traballo máis votado recibirá un trofeo. As Bases do concurso pódense consultar na páxina web municipal do Concello de Zas a través da seguinte ligazón: http://concellodezas.org/media/documentos/BASES_III_Premios_Foucino_Baio_29.05.2018.pdf
Festival
Os gañadores desta III edición dos Premios Fouciño coñeceranse o 30 de xuño no marco dun festival que pechará o certame. Ese mesmo día veremos por Baio a moitos dos referentes actuais no panorama audiovisual galego, entre eles Santi Romay, padriño da III edición dos Premios Fouciño. A programación do día 30 arrinca con dous obradoiros (un deles infantil e outro para público maior de 50 anos) e unha mesa redonda feminina composta polas irmáns Also Sister, por representantes da productora audiovisual Illa Bufarda, e por Laura Santos; unha veciña de Baio que vén de gañar a II ediciónda bolsa Nacho Mirás cun documental web sobre os mercados tradicionais galegos e que leva por título Feira. Ao longo da tarde proxectaranse as curtas participantes no concurso e xa entrada a tardiña terá lugar a entrega de premios. O certame remata cun festival de música no que estarán grupos galegos como Músculo, Mounqup, Igmig e Soulmacklein (antes Delahoja). Todos eles traerán a Baio unha música alternativa na que se misturarán ritmos como a electrónica, soul, jazz, reagge,…
Os días antes - do 25 ao 29 de xuño - desenvolverase a semana do audiovisual que na que se proxectarán distintas pezas audiovisuais entre as que están Pelegrinaxes; unha longa de Simone Saibene baseada nun libro de Otero Pedrayo; a película Historia dun satélite, na que as irmáns Also Sisters misturan comedia, ciencia-ficción e cine bélico; Costa da Morte de Lois Patiño; Fóra, colectivo na que se narran os fitos da loita contra a contaminación ambiental das multinacionais, as curtas Deuteronomio (de Marta Piñeiro) e Escarabana de Sara Casasnovas e e a premiada Matria, de Álvaro Gago.