Os Premios Fouciño congregan na súa terceira edición a referentes do panorama audiovisual e musical galego

21-05-2018

 

Esta mañá presentouse nas Torres do Allo a III edición dos Premios Fouciño; un festival de cinema que terá lugar en Baio durante a última semana do mes de xuño e co que o Concello de Zas quere premiar os dotes técnicos, artísticos e creativos tanto dos estudantes como de todas aquelas persoas interesadas na creación audiovisual así como para axudar a incrementar a presenza da lingua galega na rede.

A terceira edición deste certame chega acompañada dun completo programa de actividades con obradoiros, unha mesa redonda en clave feminina, proxeccións, entrega de premios e un concerto ao aire libre. Todas elas son actividades de acceso gratuíto e aberto a todos os públicos e que axudarán a que os Premios Fouciño se convirtan nunha referencia para o sector audiovisual galego.

O certame arrinca cunha semana do audiovisual que se desenvolverá entre o 25 e 29 de xuño e na que se proxectarán  distintas pezas audiovisuais entre as que están Pelegrinaxes; unha longa de Simone Saibene baseada nun libro de Otero Pedrayo; a película Historia dun satélite, na que as irmáns Also Sisters misturan comedia, ciencia-ficción e cine bélico; Costa da Morte de Lois Patiño; Fóra, colectivo na que se narran os fitos da loita contra a contaminación ambiental das multinacionais, as curtas Deuteronomio (de Marta Piñeiro, e Escarabana de Sara Casasnovas e e a premiada Matria, de Álvaro Gago.

Xa o sábado, 30 de xuño, será o día grande dos Premios Fouciño e no que veremos por Baio a moitos dos referentes actuais no panorama audiovisual galego, entre eles Santi Romay, padriño da III edición dos Premios Fouciño. A programación do día 30 arrinca con dous obradoiros (un deles infantil e outro para público maior de 50 anos) e unha mesa redonda feminina composta polas irmáns Also Sister, por representantes da productora audiovisual Illa Bufarda,  e por Laura Santos; unha veciña de Baio que vén de gañar a II ediciónda bolsa Nacho Mirás cun documental web sobre os mercados tradicionais galegos e que leva por título Feira.

Ao longo da tarde proxectaranse as curtas participantes no concurso e xa entrada a tardiña terá lugar a entrega de premios. O certame remata cun festival de música no que estarán grupos galegos como Músculo, Mounqup, Igmig e Soulmacklein (antes Delahoja). Todos eles traerán a Baio unha música alternativa na que se misturarán ritmos como a electrónica, soul, jazz, reagge,…

 

A terceira edición dos Premios Fouciño está organizada polo Concello de Zas, a través da Concellería de Cultura, xunto cun grupo de colaboradores e colaboradoras de Baio e arredores. Así, durante a rolda de prensa de hoxe, o alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, agradeceu o traballo destes voluntarios e asegurou que o goberno municipal apoia as inquedanzas culturais dos nosos veciños e veciñas das que nacen certames como os “Premios Fouciño que pon ao Concello de Zas dentro da Costa da Morte e á propia Costa da Morte dentro do panorama audiovisual galego”. Nesta liña, Muíño asegurou que o Concello de Zas traballará para que festival se consolide e camiñe cara o futuro acadando éxitos como o fixo nas anteriores edicións.

Na presentación do festival tamén estivo Santi Romay, o actor malpicán  que declarou “estar encando” por ser o padriño dos Premios Fouciño 2018. Santi, que se iniciou a súa traxectoria con só 13 anos na serie Mareas Vivas da TVG é agora un referente no sector audiovisual galego e que vén de recoller o premio ao Mellor Actor Protagonista dos XXI Premios de Teatro María Casares polo seu papel na obra “O tolleito de Inishmaan”. Santi Romay confirmou a súa asistencia ás distintas actividades programadas para o sábado 30 de xuño.

Mabel Montes, en representación do grupo de colaboradores,  tamén estivo presentación desta mañá quen destacou que “cos Premios Fouciño queremos que a xente se diverta, ofrecer unha alternativa de ocio sen perder de vista a perspectiva social”. Mabel tamén agradeceu o compromiso do Concello de Zas por asumir a organización deste festival.

 

Premios

Mentras continúa aberto ata o 31 de maio o prazo de presentación das curtametraxes. A participación divídese en dúas categorías; unha para centros de ensino e outra aberta para o público en xeral. En calquera dos dous casos a temática é libre e as pezas deberán ter unha duración máxima de cinco minutos e ser en galego ou posuír os subtítulos en galego.

Entre todas as pezas presentadas na categoría libre seleccionaranse dez finalistas e outras tres de reserva. No caso da categoría para centros de ensino, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos, pasarán á final todas as curtas presentadas. En total, repartiranse 1.000 euros en premios; dos cales, 300€ son para a categoría dos centros de ensino e 700€ para a categoría aberta.

As bases do concurso poden consultarse a través do seguinte enlace: http://www.concellodezas.org/media/documentos/BASES_III_Premios_Foucino_Baio.pdf

Compartir: