O Concello de Zas abre a súa primeira senda inclusiva
18-05-2018
O camiño forestal que discorre pola localidade de A Braña (en Baio Pequeno) ata o seu límite con O Mosquetín (Vimianzo) é xa unha senda inclusiva despois dos traballos de mellora que vén de levar a cabo nel o Concello de Zas e que o converten no noso primeiro roteiro adaptado. Nos traballos realizados nos últimos días elimináronse as barreiras físicas e acondicionouse o chan co fin de facelo transitable para todos e todas.
“A disposición e a rapidez en acondicionar este treito para facelo inclusivo son dous aspectos clave desta nova iniciativa coa que fomentamos o ocio e o deporte para todos e todas nun contorno privilexiado como é a marxe do río Grande”, sinala o Alcalde de Zas, Manuel Muíño.
O novo camiño estrearase mañá sábado pola tarde xa que por el discorrerá unha parte da 5ª etapa do Camiño SenLímites 2018 Roteiro Río Porto organizado pola Federación Provincial de Anpas da Coruña – Costa da Morte. Os participantes sairán ás 15:30 horas de Pedra Vixía en dirección aos Batáns do Mosquetín. Evaristo Dominguez Rial será o encargado de guiar o roteiro quen aproveitará para explicar os aspectos máis destacables dos lugares a visitar, tales como as Torres do Allo. Os organizadores veñen de agradecer publicamente a través do seu perfil de Facebook tanto a realización do traballo como a inmediatez en facelo.