Arranca en Zas unha semana cargada de actividades con motivo do Día das Letras Galegas
14-05-2018
Chega unha das semanas máis fortes do programa cultural “Maio, mes das letras 2018” posto polo Concello de Zas a través da Concellería de Cultura. Así, para esta semana están programadas varias actividades co obxectivo de divulgar a obra de María Victoria Moreno, a escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano.
Precisamente mañá será un dos días máis intensos desta programación cultural. A primeira das actividades de mañá terá lugar ás 11:00 horas no CPI de Zas onde o alumnado presenciará unha sesión musical da man de “Oviravai”. Un pouco máis tarde, ás 12:45 horas, é o turno dos alumnos e alumnas do IES Maximino Romero de Lema que terán a ocasión de ver a obra de teatro “Mensaxe do Mar”, de Fantoches Baj. A programación continúa o mércores e neste caso desprázase ás Torres do Allo. Ata alí desprazaranse o alumnado de 1º e 2º da ESO do IES Maximino Romero de Lema que descubrirán todos os recunchos do pazo máis antigo de Galicia a través dunha visita guiada e dunha unidade didáctica adaptada ao seu curso. Esta é unha actividade que se enmarca dentro da programación da XII+I Semana Cultural organizada polo IES de Baio coa colaboración do Concello de Zas xunto con outras entidades.
Xa o sábado, a actividade trasládase ao Auditorio de Zas onde a Asociación Teatral Paso de Valverde, de Arteixo, representará a obra de teatro “Alén”. Esta é a quinta e última representación da III Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose” que chega case ao seu fin con esta obra de teatro de sombras na que Chuquiño, un rapaz galego, decide marchar á procura do seu tío o explorador. Na súa viaxe descubrirá culturas moi diferentes á súa. A representación comezará ás 18 horas e a entrada é, como sempre, de balde.
Bibliotecas municipais
E como non podía ser doutro xeito, as Bibliotecas Municipais de Zas e Baio tamén se unen á celebración das Letras Galegas con varias actividades. Por unha parte, ata este mércores continúa aberto o prazo para enviar os traballos para o X Concurso de Marcapáxinas no que poden participar todos os alumnos e alumnas dos centros escolares do Concello de Zas habendo tres categorías: A (ata os 5 anos), B (de 1º a 5º de Primaria) e C (de 6º de Primaria a 4º da ESO). Os traballos premiados utilizaranse na Biblioteca Pública Municipal de Zas e na Axencia de Lectura de Baio acompañando a cada libro que se preste ata o Día das Letras Galegas do 2019. Haberá dous premios por categoría dotados cun lote de libros cada un. As bases do concurso poden consultarse a través do seguinte enlace: http://www.concellodezas.org/media/documentos/Bases_concurso_de_marcapaxinas_2018..pdf
E por outra parte, os/as usarios/as das Bibliotecas Municipais teñen á súa disposición diferentes exemplares de literatura infantil e xuvenil escritas por María Victoria Moreno, tales como o seu primeiro libro en galego “Mar adiante”; “Leonardo e os fontaneiros”, que recibiu o terceiro premio de O Barco de Vapor en 1985; “Pan con chocolate” na que denuncia o racismo e a marxinacióin e “Anagnórise”, a súa obra máis recoñecida.