A segunda parte da parroquia de O Allo en “Zas polo miúdo” analiza a súa igrexa parroquial, os escudos e os personaxes que habitaron nas Torres

10-05-2018

 

O mes pasado Evaristo Domínguez e Xosé Mª Lema publicaran na sección “Zas polo miúdo” da web municipal do Concello de Zas a primeira parte de San Pedro do Allo, sen dúbida, a parroquia de maior importancia monumental do concello. Nesta primeira parte abordárase a xeografía, a toponimia e as etapas construtivas das Torres do Allo, o primeiro pazo galego, xunto cun esquema xenealóxico dos Rioboo, a familia fidalga que as posuíu desde o século XV ata o ano 1998.

Esta segunda parte céntrase na análise estilística da súa igrexa parroquial, coa súa senlleira portada-retablo renacentista; na interpretación dos escudos nobiliarios das Torres e da igrexa e na posta en valor doutros elementos singulares da freguesía: o novo cemiterio (2006), o novo cruceiro do adro (2013), a fonte barroca de San Ramón (século XVII), o souto, os muíños do século XVII (da ponte Castiñeira da Cebola e os do Allo), o polígono industrial cunha referencia á loita recente pola ITV…

Tras un repaso da parroquia nos documentos históricos do século XVII ó XX, hai un aspecto que vai suscitar moito interese: uns personaxes que, aínda que non naceron nelas, si habitaron as Torres en temporadas máis ou menos longas. Trátase do cóengo e historiador Antonio de Rioboo y Seixas, autor dun famoso poema histórico á Virxe da Barca (1728) e do máis famoso naturalista galego do século XIX, Víctor López Seoane, marido de Francisca de Rioboo, a primeira muller propietaria do pazo e couto do Allo.

Como novidade, tamén se trata de aclarar a orixe da violenta controversia dialéctica de mediados do século XVIII entre o citado Antonio de Rioboo e Diego Cernadas y Castro, o xa daquela prestixioso cura de Fruíme, que motivou a publicación deste último dunha glosa en galego contra o Rioboo que se fixo famosa (“Meu Antón, no que parolas”) inspirada por unha copla popular quizais nacida na propia parroquia do Allo (“Ai do Allo, ai do Allo / ai do Allo, ai da Cebola / ai do Allo, ai do Allo / nunca che eu do Allo fora”). Esta copla chegou por vía oral ós nosos días.

Podes consultar esta segunda parte de forma ampliada no seguinte enlace:  http://www.concellodezas.org/media/documentos/O_ALLO_II_PARTE.pdf

Compartir: