O Concello de Zas organiza un obradoiro de regueifas nos centros educativos
03-05-2018
A regueifa, ademais de formar parte da nosa tradición oral, agocha detrás dela unha serie de valores e cualidades moi vixentes na actualidade: é un gran elemento didáctico coas rúas rimas e métricas, axuda a desenvolver competencias persoais tales como a improvisación, a autoconfianza, a creatividade, exercita a memoria, esperta vocacións e mantén vivo un importante patrimonio inmaterial que é de todos, entre moitos outros beneficios.
Por todos estes motivos, o Concello de Zas – a través da súa Concellería de Cultura – organiza o próximo mércores, 3 de maio, un Obradoiro Didáctico de Regueifas dirixido ao alumnado dos centros CPI de Zas (11:00 horas) e CEIP Labarta Pose de Baio (12:45 horas). Alba María e Lupe Blanco serán os encargados de impartir este taller no que farán demostracións, falarán da historia da regueifa e doutras tradicións orais con improvisación de fóra de Galicia, as similitudes co Rap e, por suposto, unha interesante parte práctica na que se implicarán todos os participantes.
A regueifa está a vivir un momento de expansión grazas a proxectos como o Enreguéifate algúns dos centros educativos do municipio de Zas. “Con este novo obradoiro, o Concello de Zas contribúe á expansión desta tradición na que ademais se fomenta o uso do galego”, sinala Manuel García Velo, Concelleiro de Cultura de Zas.