Aprobados uns orzamentos de 4 millóns de euros para o 2018, un dos importes máis altos da historia de Zas

13-04-2018

 

A corporación municipal de Zas aprobou hoxe o orzamento do 2018, que ascende a 4.040.507,78 euros e convértese nun dos máis altos da historia do noso concello. A proposta presentada e defendida polo goberno do BNG foi aprobada, coa abstención do PP, nun pleno que tivo unha hora escasa de duración.

O alcalde, Manuel Muíño, destacou que, malia as estritas limitacións para o gasto que impón o Ministerio de Facenda, os orzamentos do Concello de Zas increméntanse nun 4,47% con respecto ao ano anterior, “o que supón un aumento importante dentro das restricións, xa que suben incluso por riba da inflación”.

O capítulo que máis aumenta é o de investimentos reais, que supón un 11,59% máis ca no ano 2017, o que reflicte o compromiso do goberno municipal coa mellora constante das infraestruturas e os servizos, e, en definitiva, coa mellora da calidade de vida dos nosos veciños e veciñas. Esta aposta permítenos incrementar un 12,58% os fondos destinados ao mantemento de estradas ou centros públicos, do mesmo xeito que as partidas previstas para actuacións en urbanismo e servizos públicos aumentan un 18,09%.

O goberno municipal de Zas tamén reflicte nos orzamentos o seu compromiso co emprego. Deste xeito, na proposta aprobada hoxe incluímos unha partida de 56.000 euros destinada á posta en marcha dun plan de emprego municipal.

Os principais eixos do orzamento de gastos do 2018 detállanse no seguinte cadro:

Capítulo

Orzamento inicial 2018

Orzamento inicial 2017

% Diferenza

Gastos de persoal

905.049,60

958.105,74

-5,54

Gastos correntes de bens e servizos

1.919.465,37

1.799.120,43

6,69

Gastos financeiros

2.000

2.000

0,00

Transferencias correntes

108.352,73

116.602,73

-7,08%

Inversións reais

1.095.640,08

981.842,71

11,59

Activos financeiros

10.000

10.000

0,00

Pasivos financeiros

 

 

0,00

TOTAL

4.040.507,78

3.867.671,61

4,47

 

 

 

O documento económico é unha mostra máis da boa xestión económica do Concello de Zas. Por unha banda, o orzamento non deixa de medrar nos últimos anos. Deste xeito, por exemplo, en comparación co ano 2015 - último ano do goberno do PP na Deputación coruñesa - o incremento é do 24,10%. Manuel Muíño apunta que nesta tendencia inflúe, entre outros factores, a achega de recursos desde a Deputación da Coruña a través  do Plan Único “que se reparten en base a criterios obxectivos”.

Esa boa xestión económica tamén se reflicte no superávit, que a día de hoxe  acada os 4.041.000 euros, é dicir, o mesmo importe que o orzamento. O alcalde de Zas considera “inmoral” que o Goberno central obrigue aos concellos a dispoñer dunha liquidez tan elevada e que non permita, nin sequera ás administracións que están saneadas, como é o caso do noso concello, reinvestir eses fondos na mellora dos servizos que se prestan á cidadanía.

Por outra banda, no apartado de rogos e preguntas o PP interesouse pola partida do tanatorio de Zas. O alcalde respondeu que, aínda que non está incluída nos orzamentos, a execución da instalación será unha realidade ao longo deste ano.

Compartir: