A III Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose” xa ten finalistas

02-04-2018

A III edición da Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose” – organizada polo Concello de Zas – xa ten as obras finalistas que se representarán os días 21 e 28 de abril e 5, 12 e 19 de maio alternando entre os auditorios de Zas e de Baio.


As obras finalistas son “O5 CO2NO5 50N COU54CDE 3”, de Tiruleque Teatro de O Carballiño; “All you need is war”, de O Catre Teatro de As Pontes; “Mass Co-Medias”, de Os Kabramakabra; “Anónima 18”, de Ditirambo Teatro de Montrove e “Alén” da Asociación Teatral Paso de Valverde, de Armentón (Arteixo). No apartado de reservas figuran “En pé de guerra”, de Misturar-T Teatro; “A Illa Marela”, da Asociación de Teatro de Coles; e “Maniféstate”, de Andaravía Teatro – A. C. Papaventos.

O xurado, composto por membros do Concello de Zas e do grupo de teatro Badius, seleccionou os finalistas e as reservas de entre as 19 obras que se presentaron a esta III Mostra de Teatro Afeccionado. Para seleccionar os traballos finalistas, o xurado tivo en conta a orixinalidade das obras así como a súa calidade artística. Cada unha das finalistas recibirá 500€ xunto cun diploma acreditativo. Tamén haberá premios (un trofeo e un diploma acreditativo) para a mellor obra elixida polo xurado, para o mellor actor e a mellor actriz e para a mellor obra elixida polo público.


Con esta mostra o Concello de Zas demostra o seu compromiso coa cultura, especialmente no ámbito das artes escénicas, e por outra, quere poñer en valor o teatro feito en Galicia e en galego.

Compartir: