Comezan as obras de ampliación e renovación da estrada de Baio Pequeno

22-03-2018

 

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asistiron esta mañá ao inicio das obras da nova travesía na estrada DP 9301, ao seu paso por Baio Pequeno. A institución provincial destina a estas obras 551.302,75 euros, co obxectivo de ampliar o ancho da vía, mellorar a seguridade viaria e renovar os servizos urbanos básicos, no tramo comprendido entre o inicio da estrada e o punto quilométrico 1.320.

O presidente da Deputación da Coruña sinalou que se trata dun proxecto que responde a "unha demanda máis que xustificada do Concello de Zas" e que vai contribuír a "mellorar notablemente a seguridade viaria na zona, creando novos tramos de beirarrúas e renovando os existentes nun tramo de 1,3 quilómetros".

González Formoso explicou que as obras permitirán dotar ao vial "dunha opción máis segura para os veciños, nunha zona urbana do municipio ode se asentan infraestruturas publicas coma o centro de saúde, un colexio ou unha igrexa". Así mesmo, Formoso destacou que esta estrada "conecta dúas vías principais da comarca como son as de A Coruña - Fisterra e Baio – Ponteceso".

O presidente provincial afirmou que se trata "dun dos investimentos máis importantes que está a realizar a Deputación na rede provincial de estradas" e agradeceu a colaboración dos veciños que puxeron a disposición as parcelas necesarias para a execución dos traballos, porque "foron conscientes de que a seguridade viaria é moito máis importante que un metro de terreo".

 

Pola súa banda o alcalde de Zas e deputado provincial Manuel Muíño agradeceu que a Deputación "comece hoxe a facer realidade unhas obras moi necesarias e longamente solicitadas polo concello". Muíño subliñou que os traballos solucionarán problemas "nun punto onde as beirarrúas actuais estaban en mal estado, incorporando tamén novos tramos en zonas onde non existía andén peonil". Ademais, construirase un sistema separativo de recollida de augas fecais e pluviais, que solucionará os problemas derivados da rede única existente na actualidade. O rexedor de Zas tamén agradeceu a colaboración veciñal para facer posible o proxecto e destacou a importancia principal deste vial para as comunicacións do municipio.

 

 

Tras a presentación do proxecto na Casa do Concello, o presidente da Deputación e o alcalde de Zas, acompañdos de técnicos do servizo provincial de Vías e Obras e da empresa adxudicataria, asistiron ao inicio das obras, que se prolongarán durante un prazo aproximado de 9 meses.

Tras os traballos, a estrada DP 9301 quedará configurada coma unha travesía con dous carrís de circulación de 3 metros de ancho e beirarrúas de 2 metros a ambas marxes, que estarán executadas con baldosa hidráulica. A zona da calzada repavimentarase cunha capa de mestura bituminosa en quente de 5 centímetros de espesor, que se aplicará tanto nos carrís de circulación coma nas zonas de aparcamento. Así mesmo, reporanse as marcas viais e a sinalización vertical.

 

Fonte: Deputación da Coruña

Ligazóns

Compartir: