Dezanove obras preséntanse á III Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose”
13-03-2018
A III Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose” – organizada pola Concellería de Cultura de Zas – vén de pechar o prazo de recepción de obras. En total presentáronse dezanove obras de teatro pertencentes a dezasete compañías de distintos puntos do país, entre as que figuras agrupacións de O Carballiño, Coles, Barbadás, Vigo, Chapela, Vedra, Arteixo, Fene, Ferrol, Teo, A Coruña,... Entre as obras presentadas hai todo tipo de xéneros, ainda que cunha certa predominancia da comedia.
Agora é o turno do xurado, composto por membros do Concello de Zas e do grupo de teatro Badius, que se encargará de seleccionar os cinco espectáculos finalistas que se representarán os días 21 e 28 de abril e 5, 12 e 19 de maio distribuídas entre o auditorio do pavillón de Baio e o auditorio da Casa do Concello de Zas. A entrega de premios terá lugar o domingo 27 de maio.
Cada unha das obras finalistas recibirá 500€ e un diploma. A mellor obra elixida polo xurado, o mellor actor e a mellor actriz e a mellor obra elixida polo público recibirán cadanseu agasallo conmemorativo.
O Concello de Zas pretende nesta terceira edición consolidar a III Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose” como un referente comarcal no eido do teatro afeccionado. Ademais, preténdese fomentar a cultura especialmente no eido das artes escénicas e favorecer o teatro feito en Galicia e en galego. Nesta edición, incorporouse o nome de Labarta Pose para conmemorar a figura do escritor baiés.