O Concello de Zas leva a figura de Rosalía de Castro aos centros de ensino a través dunha divertida actividade de creación de poemas

23-02-2018

Co obxectivo de achegarse á vida e obra de Rosalía de Castro dun xeito divertido e creativo, o Concello de Zas pon en marcha unha actividade que se desenvolverá o vindeiro martes, 27 de febreiro, nos distintos centros educativos do municipio.

“Tecendo con Rosalía” é unha actividade de creación colectiva dirixida ao alumnado de primaria, secundaria e bacharelato e da que se encargará a compañía de teatro “Os Quinquilláns”. A sesión componse de tres partes. A primeira é o “Enfiado”, que consiste nunha charla sobre a figura de Rosalía de Castro. Na segunda fase da actividade, o “Entramado”, tanto alumnos como profesorado confeccionarán pequenas pezas poéticas e unhas breves perfomances. E por último chega a fase do “Tecido”, na que os participantes amosarán as súas pezas ao resto dos grupos que participen na actividade.

Desta forma, o Concello de Zas – a través da súa Concellería de Cultura – quere conmemorar o día de Rosalía de Castro, que se celebra o vindeiro 24 de febreiro. “Con esta actividade queremos non só achegar a figura dunha das escritoras galegas máis ilustres se non facelos partícipes dunha divertida sesión na que se converterán en poetas”, indica Manuel García Velo, Concelleiro de Cultura de Zas.

Horarios

A primeira das sesións, será ás 10:00 horas no CPI de Zas na que participarán alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO. Ás 12:00 horas será o turno para os alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria do CEIP Labarta Pose.

Compartir: