O Concello de Zas organiza a III edición dos Premios Fouciño
20-02-2018
A terceira edición dos Premios Fouciño converterá a Baio, unha vez máis, na capital do sector audiovisual durante a última semana do mes de xuño. O alcalde de Zas, Manuel Muíño; o concelleiro de Cultura, Manuel García; e os coordinadores do certame, entre os que figuran un grupo de mozos e mozas de Baio e arredores, anunciaron a posta en marcha dunha nova edición dos Premios Fouciño na que contarán tamén coa colaboración da Deputación da Coruña. Así, durante a última semana do mes de xuño desenvolverase un programa de actividades paralelas relacionadas co sector audiovisual que culmina o 30 de xuño cun festival de curtas, tal e como se vén facendo en edicións anteriores. Manuel Muíño destaca a relevancia deste certame de curtametraxes que, pese a súa curta idade, “conseguiu converterse nun referente no eido audiovisual tanto dentro como fóra da Costa da Morte”.
Os Premios Fouciño teñen como obxectivo premiar os dotes técnicos, artísticos e creativos tanto dos estudantes como de todas aquelas persoas interesadas na creación audiovisual así como para axudar a incrementar a presenza da lingua galega na rede.
Categorías
A participación divídese en dúas categorías; unha para centros de ensino e outra aberta para o público en xeral. En calquera dos dous casos a temática é libre e as pezas deberán ter unha duración máxima de cinco minutos e ser en galego ou posuír os subtítulos en galego. O prazo de inscrición na III edición dos Premios Fouciño comeza ao día seguinte da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia – que será nos vindeiros días – e remata o 31 de maio de 2018.
Entre todas as pezas presentadas na categoría libre seleccionaranse dez curtametraxes finalistas e outras tres de reserva. No caso da categoría para centros de ensino, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos, pasarán á final todas as curtas presentadas.
O xurado da III edición dos Premios Fouciño estará composto por un representante do Concello de Zas, dous representantes do mundo audiovisual e da comunicación e dous representantes do movemento asociativo da Costa da Morte.
Premios
En total, repartiranse 1.000 euros en premios; dos cales, 300€ son para a categoría dos centros de ensino e 700€ para a categoría aberta. Ademais, os gañadores recibirán un trofeo. O público tamén poderá emitir a súa valoración das curtas participantes no certame e o traballo máis votado recibirá un trofeo. As Bases do concurso xa se poden consultar no arquivo que está ao final desta nova.
Nos vindeiros días, as redes sociais dos Premios Fouciño anunciarán máis novidades sobre a terceira edición do certame.