Máis de 500 persoas participan no II Trail da Filloa que se disputa este domingo en Zas

15-02-2018

 

Un total de 505 persoas participarán este domingo no II Trail da Filloa organizado polo Concello de Zas e a Asociación Deportiva Monte Brondo. Ao longo da mañá disputaranse tres probas diferentes. A primeira proba en comezar será o Trail Longo, de 28 quilómetros de percorrido, que arranca ás 09:30 horas. A seguinte será o Trail Curto, 17 quilómetros, que comeza ás 10:00 horas. E quince minutos despois, ás 10:15 horas, será o turno dos participantes na Andaina Popular que camiñarán 10 quilómetros. Nas tres probas, tanto a saída e como a meta estará ubicada nas inmediacións da Casa do Concello de Zas.

A proba con maior número de participantes é o Trail Curto no que están inscritos un total de 230 participantes. Séguelle a Andaina Popular con 193 anotados mentras que no Trail Longo participarán 80 persoas. Entre os participantes figuran veciños e veciñas da zona así como doutros puntos como de Vigo, Santiago de Compostela, Ferrol,…

Un 95% dos percorridos discorren por distintas zonas de monte do municipio atravesando camiños abertos especificamente para a proba e incluso carballeiras que levan máis de 30 anos en estado de abandono. Haberá un total de cinco zonas de avituallamento onde os participantes poderán recuperar as forzas necesarias para chegar a meta a base de filloas e doutros aperitivos.

As experiencias serán un dos ingredintes básicos desta proba que está a espertar moito interese entre os corredores. Así, ao longo dos percorridos haberá moitas sorpresas, tales como atravesar ríos, zonas de lama e incluso unha zona de “Aquaplanning” só para os máis atrevidos. Outra das sensacións que vivirán os participantes serán o contacto coa natureza e as impresionantes vistas que desfrutarán ao longo de moitos dos tramos dos percorridos.

Compartir: