O Concello de Zas sobe á rede información “polo miúdo” da parroquia de Gándara
12-02-2018
A parroquia de Gándara é a nova incorporación do programa “Zas polo miúdo” co que o Concello de Zas quere dar a coñecer as súas parroquias a través da rede. Desta forma, a páxina web do Concello de Zas alberga información de interese, tanto a nivel natural como cultural, así como os principais datos demográficos e históricos, de 12 das 16 parroquias que compoñen o municipio.
Gándara é, pola súa extensión, a terceira parroquia máis grande do municipio. Sitúase ao noroeste do Concello lindando con núcleos de tres municipios distintos: Cabana de Bergantiños (Nantón); Coristanco (Cuns) e Santa Comba (Santa Sabiña). Gándara tamén linda coas parroquias de Carreira e San Cremenzo, as dúas de Zas.
Budián, Gándara, Parga, Quintáns, O Sisto, Sobreira, Vilar Ramiro e Vilaestévez son os lugares que compoñen a parroquia de Gándara e que entre todos sumaban a 1 de xaneiro de 2017 máis de 360 veciños e veciñas, sendo O Sisto o núcleo de máis poboación.
A parroquia de Gándara destaca pola súa riqueza ambiental con dous enclaves de referencia: a zona do Rabiñoso - cunha fervenza e varios muíños -e os montes do Pico de Meda que comparte coa veciña parroquia de Carreira. Tamén destaco pola súa riqueza arqueolóxica compostal principalmente por unhas 14 mámoas, dous castros (o de Vilaestévez e o do Bico da Cruz ou das Cortellas),tres puntos nos que se atoparon restos romanos así como os alicerces do que probablemente foron unhas torres medievais. No apartado “Zas polo miúdo” da web municipal www.concellodezas.org atópase toda a información relativa á parroquia de Gándara elabora polos historiadores Evaristo Domínguez Rial e Xosé Mª Lema Suárez. Esta iniciativa posta en marcha pola Concellería de Cultura demostra o compromiso do goberno de Zas por poñer en valor a riqueza natural e cultural do municipio. O programa está tendo moi boa acollida entre os internautas e o apartado de “Zas polo miúdo” xa é un dos máis visitados dentro da páxina web municipal.