As filloas de Zas triunfan en Xantar

06-02-2018

Con moi bo sabor de boca quedaron as 70 persoas que asistiron esta tarde ao “showcooking” das filloas da pedra de Zas que realizaron os membros da Asociación de Veciños Barolo, de Loroño, no marco do 19º Salón Internacional de Turismo Gastronómico “Xantar”.

Ata a cidade de Ourense desprazaronse no día de hoxe membros da entidade veciñal e do Concello de Zas co fin de dar a coñecer este prato típico da zona. As filloas tiveron o seu propio espazo dentro do stand da Deputación da Coruña onde se repartiron entre os visitantes máis de 300 unidades. Algúns incluso se atreveron a probalas con marmelada de pemento de Herbón elaborada pola Sociedade Agrícola de Transformación A Pementeira, tamén presentes en Xantar.

Xa pola tarde, de 16 a 17 horas, fixemos un “showcooking” das filloas da pedra no que os asistentes viron as distintas fases de elaboración deste prezado manxar. Durante a demostración interviron membros da Asociación veciñal Barolo e tamén o alcalde de Zas, Manuel Muíño, quen resaltou os principais atractivos turísticos do municipio e xa non só os gastronómicos xa que “en Zas, un concello con pouco máis de 4.500 habitantes, temos unha ruta de pazos, monumentos megalíticos como a Arca da Piosa, e a Ponte de Brandomil”, sinalou o rexedor. Muíño tamén resaltou que o municipio de Zas tamén é un referente noutros eidos xa que “contamos cunha mostra de teatro afeccionado, cun festival de cinema e con outro de música folk nun enclave único e de recoñecemento internacional como o é a Festa da Carballeira”, sinalou.

A demostración da elaboración das filloas correu a cargo de varios dos membros da asociación de veciños Barolo quenes repartiron filloas ao estilo máis tradicional – sen ningún tipo de acompañamento – e tamén se serviron filloas recheas de centola e peixe sapo e filloas recheas de café e chocolate, elaborados estes últimos, pola cociñeira Lorena Fernández.

Compartir: