Zas promociona as súas filloas na feira gastronómica Xantar
31-01-2018
Unha comitiva integrada por membros do Concello de Zas e da Asociación de Veciños Barolo - de Loroño - promocionarán as filloas de Zas no 19º Salón Internacional de Turismo Gastronómico “Xantar” que ten lugar na cidade de Ourense dende hoxe e até o vindeiro domingo.
A presentación das filloas de Zas realizarase o vindeiro sábado, 3 de febreiro, ás 16 horas. Alí realizarase unha demostración en directo da elaboración as filloas explicando cada un dos pasos do proceso e facendo especial fincapé no moado. Os asistentes degustarán as filloas no seu estilo máis tradicional e tamén probarán uns petiscos de vangarda elaborados coas filloas como base. O alcalde de Zas, Manuel Muíño, presentará os distintos recursos turísticos do noso concello e tamén se falará de dúas festas de gran importancia dentro do noso municipio: a Festa da Filloa e a Festa da Carballeira. “A participación en Xantar axúdanos a poñer en valor as filloas de Zas así como potenciar toda a tradición que se agocha detrás dunha pedra de filloas”, sinala Muíño.
Ao longo destes días, proxectarase no marco do expositor da Deputación da Coruña un vídeo no que se promocionan os enclaves turísticos máis importantes de Zas e tamén se repartirá información sobre a Festa da Filloa que se celebra o vindeiro 24 de febreiro. Neste mesmo enclave, tamén se poderán degustar as filloas.
Un amplo programa de actividades rodea o XIX Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar 2018 no que os organizadores esperan bater récord de visitantes.