A mellora da estrada de Baio Pequeno mellorará a seguridade viaria nunha zona con moito tránsito rodado e peonil
29-01-2018
A travesía contará con carrís de circulación de 3 metros de ancho e beirarrúas de 2 metros
A mellora da estrada DP 9301 ao seu paso por Baio Pequeno, unha vella demanda veciñal, está un pouco máis próxima despois da adxudicación dos traballos á empresa Copcisa por parte da Deputación da Coruña, que realizará un investimento de 551.302,75 euros na mellora da seguridade viaria ao longo de 1.320 metros da vía. “É un investimento importante tanto para a vila de Baio como para o Concello de Zas e, desde logo, un motivo máis de satisfacción para o noso goberno que leva anos xestionando esta mellora”, manifesta o Alcalde de Zas, Manuel Muíño.
A execución da obra dará resposta ás numerosas e intensas xestións que vén realizando o goberno municipal do BNG para garantir a seguridade nunha zona con moito tránsito, tanto peonil como rodado, xa que nas marxes desta estrada de titularidade provincial atópanse edificios como o CEIP Labarta Pose, o centro de saúde de Baio e a igrexa. Para o goberno municipal resultaba imprescindible mellorar as condicións da vía, pero, sobre todo, a accesibilidade e a seguridade das persoas usuarias. Neste sentido, Manuel Muíño quere expresar publicamente o seu agradecemento aos propietarios dos terreos.
Tras as obras, o treito de Baio Pequeno quedará configurado como unha travesía con carrís de circulación de 3 metros de ancho e beirarrúas de 2 metros, tamén na marxe dereita da calzada, onde agora non existen (tramo de Baio Pequeno, entre os puntos quilométricos 0+750 e 1+000), e onde resultou fundamental a colaboración da propiedade do solo para poder levar o proxecto a bo porto. Os traballos inclúen a dotación dunha nova rede de pluviais, mellorando tamén deste xeito os servizos urbanísticos, e dunha nova capa de rodaxe para a calzada.
As obras de mellora comezarán, previsiblemente, a finais de febreiro e teñen un prazo de execución de nove meses.