O Concello de Zas reparte 2.500 euros na III Mostra de Teatro Afeccionado

22-01-2018

Por terceiro ano consecutivo, o Concello de Zas organiza a III Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose” coa que pretende, por unha parte, fomentar a cultura especialmente no eido das artes escénicas e, por outra, favorecer o teatro feito en Galicia e en galego. Nesta edición, incorporouse o nome de Labarta Pose para conmemorar a figura do escritor baiés. 

No certame poderán participar todos os grupos ou compañías de teatro da comunidade e, como novidade, este ano está aberto tamén a persoas naturais ou xurídicas tanto públicas como privadas.

Inscricións e premios

Unha vez que se publiquen as bases do concurso no Boletín Oficial da Provincia – BOP -, que será nos vindeiros días, queda aberto o prazo de inscrición que se prolongará até o vindeiro día 1 de marzo.

Para participar é necesario anotarse presentando a documentación pertinente así como os anexos que acompañan ás Bases debidamente cumprimentadas.

O xurado, composto por membros do Concello de Zas e do grupo de teatro Badius, seleccionará os cinco espectáculos finalistas que serán os que se representen os días 21 e 28 de abril e 5, 12 e 19 de maio distribuídas entre o auditorio do pavillón de Baio e o auditorio da Casa do Concello de Zas. A entrega de premios terá lugar o domingo 27 de maio.

Outra das novidades desta terceira edición son os premios. Nesta ocasión, o Concello de Zas destina 2.500€ que distribuirá entre cada unha das cinco obras finalistas as cales recibirán 500€. Tamén haberá premio para a mellor obra elixida polo xurado (trofeo e diploma acreditativo), premio ao mellor actor e á mellor actriz (trofeo e diploma acreditativo) e premio á mellor obra elixida polo xurado (trofeo e diploma acreditativo).

Descargas

Compartir: