O Concello de Zas inviste máis de 100.000 euros na mellora dos equipamentos sociodeportivos
19-01-2018

Dentro da política municipal de mellora dos servizos que prestamos á poboación, o Concello de Zas vén de realizar un investimento de 100.610 euros na mellora de varios equipamentos sociodeportivos.
Por unha banda, as actuacións permitiron a posta a punto dos dous pavillóns municipais. No de Zas, despois do acondicionamento da fachada que se levou a cabo o ano pasado, neste exercicio procedeuse á renovación das portas. Dentro do mesmo proxecto, por un importe próximo aos 37.000 euros, vimos de acometer tamén a substitución da cuberta do polideportivo de Baio.
A outra gran intervención, por preto de 55.000 euros, levouse a cabo en toda a contorna do pavillón e o centro social de Baio. Grazas a este investimento foi posible afrontar a construción de beirarrúas, muros e canalización de augas pluviais, ademais do recheo e o aglomerado da zona, o que permite ampliar dun xeito considerable o espazo para aparcamento.
Desde o goberno municipal e Zas seguiremos a apostar pola modernización dos equipamentos deportivos, sociais e culturais e promovendo a súa utilización e dinamización por parte dos diferentes sectores da veciñanza.