O Concello de Zas presenta os seus recursos turísticos en Fitur
17-01-2018
O Concello de Zas está presente, un ano máis, na Feira Internacional de Turismo – Fitur – que se celebra dende hoxe e até o domingo en Madrid.
Baixo o stand de Turismo de Galicia presentaranse co lema “Acércate a Zas” os distintos recursos turísticos do municipio tales como a Festa da Carballeira, no que se resalta o valor cultural e ambiental deste festival que este ano conmemora a súa 35ª edición. A Ruta dos Pazos é outro dos programas estrela que presenta o Concello de Zas nesta edición de Fitur. Este roteiro convida a facer unha viaxe no tempo contemplando as distintas paisaxes fidalgas que deixan os pazos máis sobranceiros ubicados nos arredores da capital municipal.
As Torres do Allo tamén teñen o seu espazo dentro de Fitur precisamente despois de consolidarse como o recurso estrela do municipio, xa que durante o 2017 bateu récord de visitantes (un total de 7.295). O Concello de Zas, a través da Concellería de Cultura, é o encargado da xestión de visitas e a difusión deste monumento desde o ano 2016.
Ademais, unha representación do Concello de Zas participa estes días nos distintos eventos que teñen lugar na feira como foros profesionais, conferencias e encontros con turoperadores.