O Concello pon en marcha un taller de técnicas de estudo no CPI de Zas
16-01-2018
Incrementar o rendemento escolar é o principal obxectivo do taller de técnicas de estudo que vén de poñer en marcha o Concello de Zas, a través da Concellería de Servizos Sociais, para alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º da ESO.
Un total de 45 estudantes participan na iniciativa, impulsada desde o departamento de orientación do CPI coa finalidade de que os nenos e as nenas participantes tomen conciencia da importancia do estudo para a aprendizaxe, coñezan e apliquen as distintas estratexias e técnicas que lles permitirán aumentar o seu rendemento escolar e poidan aplicar esas técnicas ás distintas áreas. Para conseguilo abordaranse aspectos como a mellora da comprensión a través da lectura, a planificación, a memorización ou a importancia do repaso.
O obradoiro abrangue un total de seis sesións, de 50 minutos cada unha, que se desenvolverán todos os luns ata finais do mes de febreiro. A metodoloxía das sesións é práctica e participativa.