Concurso de panxoliñas en Zas

30-11-2017

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Zas presenta  por terceiro ano o concurso de Nadal PanxoliñaZAS cuxo principal  obxectivo é o de fomentar o uso da lingua galega na sociedade en situacións informais e festivas ou lúdicas da veciñanza en xeral.

Trátase dun concurso de vídeos de panxoliñas, vilancicos tradicionais, cantos de Aninovo e Reis dirixido á veciñanza de Zas, sen límite de idade e no cal se poderá participar de xeito individual ou en grupo.

O prazo de presentación dos vídeos acaba o día 21 de decembro, e despois serán pendurados no Facebook do Concello de Zas onde se poderá votar polos que máis nos gusten outorgándolles un “Gústame”.

Haberá un premio ao vídeo máis popular en Facebook e outros premios do xurado (premio á mellor presentación e posta en escea, premio ao vídeo que conte con máis fidelidade á tradición galega e premio ao mellor vídeo infantil) que consistirán nun diploma de recoñecemento e mais vales de 100 euros para gastar en locais comerciais do concello.

Esta actividade tamén procura potenciar o desenvolvemento da creatividade, fomento do uso das Tic, traballo en equipo e bo aproveitamento do tempo de lecer de xeito saudábel, ademais de recuperar panxoliñas, vilancicos tradicionais, cantos de Aninovo e Reis que se cantaban nesta zona e que aínda se continúa a facer pero que corren o risco de desaparecer co paso do tempo.

 

Máis información en: 

Facebook: https://www.facebook.com/concellozas/

Blog do Servizo de Normalización Lingüística do concello: http://snlzas.blogaliza.org/2017/11/13/panxolinazas/

Descargas

Compartir: