O Servizo de Axuda no Fogar de Zas realiza 1.800 horas ao mes
21-11-2017
O Concello de Zas presta todos os meses 1.782 horas de axuda no fogar para atender as necesidades de 69 veciños e veciñas. A maior parte (un total de 52) son persoas dependentes que requiren un maior número de horas, 1.613 ao mes, fronte ás 169 horas mensuais dos 17 usuarios de libre concorrencia. Deste xeito, as arcas municipais destinan uns 200.000 euros ao ano a este
A atención á dependencia é unha prioridade para o Concello de Zas, polo que desde a área de Servizos Sociais préstaselle unha especial importancia ao Servizo de Axuda no Fogar. Así, dende o pasado mes de setembro dispoñemos de 519 horas máis ao mes despois da solicitude presentada en febreiro polo Concello de Zas á Consellería de Política Social da Xunta de Galicia coa finalidade de achegar a prestación ás 17 persoas que se atopaban naquel momento en lista de agarda.
Demanda en aumento
O servizo de asistencia no fogar é unha demanda que vai en aumento debido ao envellecemento da poboación, e desde o Concello de Zas tratamos de atender todas as necesidades. O alcalde, Manuel Muíño, alude ás as trabas administrativas para a ampliación de horas e lamenta que o Concello de Zas teña un menor número de horas asignadas con respecto a outros concellos da contorna cun número similar de persoas dependentes. Malia estas dificultades por parte da Xunta de Galicia, que é a administración competente en materia de atención á dependencia, o alcalde seguirá reivindicando as ampliacións precisas para que os veciños e veciñas de Zas dispoñan da atención que precisen.