Remate final da programación deste verán nas Torres do Allo
22-08-2017
A programación das actividades que se foron desenvolvendo nas Torres do Allo ao longo dos meses de xullo e agosto pon punto final este domingo 27 co concerto Ao encontro de Martín Códax, con Xoán Curiel e Iris Gey.
A fin de semana de peche dá comezo a tarde deste venres 25, ás 20:30 horas, coa cuarta e última actuación do artista armenio Kamo Petrosian acompañado do seu violín, co que interpreta coñecidas obras de música clásica para goce e deleite de todos os asistentes. Á mesma hora, ás 20:30 horas, do serán do domingo, o compositor galego Xoán Curiel xunto con Iris Gey, filóloga e cantante, ofrecerán un concerto adicado ás cantigas de Martín Códax e a outras poesías musicadas de autores galegos clásicos e contemporáneos.
Todos os eventos que se foron realizando desde inicios da tempada estival no pazo das Torres do Allo completaron as ofertas turísticas habituais das visitas guiadas que se levan a cabo todos os días ás 13:00h. e ás 17:00h., xunto coas teatralizadas dos domingos ás 19:30h. coa compañía de teatro “Os Quinquilláns”. Así mesmo, durante o horario de apertura, de luns a venres de 11:00 a 20:00h. e sábados e domingos de 11:00 a 21:00h., os máis cativos poden divertirse intentando descubrir os segredos ocultos que esconde un dos pazos máis antigos de Galicia, a través dun xogo de pistas espalladas por todo o inmoble e a súa ben conservada contorna; e todo de balde.
Máis info: