Música clásica con Kamo Petrosian e Noite de Cine nas Torres do Allo

16-08-2017

O pazo das Torres do Allo énchese de actividades a vindeira tarde do sábado 19 coa visita, de novo, do artista armenio Kamo Petrosian e o seu violín e coa proxección do filme A Esmorga de Ignacio Vilar.

 

Clásica nas Torres

A partir das 20.30 horas, un dos primeiros pazos de Galicia volverá ser escenario dos acordes da man de Petrosian quen interpretará diferentes obras clásicas de Bach ou Vivaldi entre outros compositores. A súa música envolverá as paredes da Torre Vella do histórico inmoble nun ambiente bucólico e conmovedor, que a ningún asistente deixa indiferente, como así o atestiguou o público das dúas citas anteriores. Este sábado será a terceira actuación do músico nas Torres do Allo, quedadno pendente unha cuarta e derradeira o próximo venres 25, dando peche á actividade “Clásica nas Torres” da programación estival.

Noite de Cine

Na mesma noite do día 19, ás 22.30 horas, proxectarase a película galega A Esmorga, adaptación da obra homónima de Eduardo Blanco Amor e interpretada por Miguel de Lira, Karra Elejalde e Antonio Durán “Morris”. A historia está ambientada na cidade de Ourense, onde se rodou e onde transcorre a noite de festa dos tres personaxes principais. O filme acadou un gran éxito tanto en Galicia como no resto de España e obtivo numerosos galardóns: recibiu seis nos Premios Mestre Mateo no ano da súa estrea, 2014; tres na 20ª Edición do Festival de Toulouse e foi nomeada aos Premios Goya na categoría de mellor guión adaptado na XXIX edición.

Descargas

Compartir: